Javier Losada avanza que o Goberno será “receptivo” ás demandas de Galicia sobre competencias autonómicas


O delegado do Goberno ve positivo o consenso parlamentario galego para estender as atribucións actuais da Comunidade

Javier Losada defende un Presuposto que “pensa nas persoas, realista e progresista”

As contas teñen un investimento real por habitante en Galicia de 280 euros, superior a outras comunidades como Andalucía (254), Cataluña (270) ou País Vasco (213)

“O PP debe pedir perdón a Galicia polos 2.000 millóns de euros que deixou que se perderan sen executar”, indica

O Executivo garante os prazos do AVE, co fin das obras este ano e a súa posta en servizo en 2020

24-01-2019

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, avanzou hoxe que o Executivo que dirixe Pedro Sánchez será “receptivo” coas demandas da Comunidade galega sobre competencias autonómicas. Asegurou que Goberno apoia o desenvolvemento de competencias autonómicas e o cumprimento dos estatutos.

Tras o consenso parlamentario galego para estender as atribucións actuais da Comunidade, Javier Losada lembrou que o Executivo, “constitucionalista e, como tal, autonomista” é “un Goberno que quere que as comunidades autónomas desempeñen as súas responsabilidades”. Por iso considerou “positivo” o acordo parlamentario, en especial por dous motivos. “É bo que o Bloque asuma que o Estatuto é algo bo para Galicia, que é unha ferramenta para mellorar as condicións de vida das galegas e os galegos. Tamén é bo que o Partido Popular queira asumir distintas competencias ás que ten o Estatuto, pois comparte que o Goberno de España teña que cumprir con outros estatutos, como o de Cataluña”, proseguiu nunha entrevista na Televisión de Galicia.

Debido á posición do Executivo, que —insistiu— “está a favor de que as autonomías desenvolvan as súas competencias”, Javier Losada avanzou que o Goberno será “receptivo” coas demandas galegas, como o foi co desbloqueo doutras peticións vetadas durante anos como o traspaso da titularidade da autoestrada AP-9, pendente da resolución do Congreso.

Respecto ao proxecto de Orzamentos Xerais do Estado, Javier Losada detallou que se trata dunha formulación “que “pensa nas persoas, realista e progresista”. Contén case 8.500 millóns de euros para Galicia, 207 máis que en 2018, cun investimento por habitante de 3.152 euros. Ademais, o investimento en Galicia representa un 6,2 % do total, por encima do que representa a Comunidade na súa contribución ao PIB (5,2 %) ou na súa participación sobre a poboación (5,8 %). En investimento real de Fomento, Galicia ten unha cantidade por habitante superior ás doutras comunidades como Andalucía, Cataluña ou País Vasco.

En concreto, corresponden 280 euros por persoa en Galicia, fronte ós 254 de Andalucía, 270 de Cataluña ou 213 do País Vasco. Galicia está un 16,8 % da media nacional. Nestas cifras, a Comunidade supera un 12,2 % a media en inversión en estradas e un 15,5 % a media en inversión ferroviaria.

Lembrou que Galicia estaba “afeita a uns orzamentos que non se executaban” e, nesta ocasión, teñen partidas “realistas”, fronte aos 2.000 millóns de euros que non chegaron a investirse nos últimos anos. “Quen os critica o que queren é que nos esquezamos dos recortes sociais e das políticas  regresivas que sufriu a Comunidade. O PP debe pedir perdón a Galicia polos 2.000 millóns de euros que deixou que se perderan sen executar”, dixo o delegado do Goberno.

Espera que as contas superen o trámite parlamentario, pois aínda que o grupo do Goberno non ten maioría, “como ocorre desde hai moito tempo, hai que negociar, hai que chegar a acordos con diferentes forzas parlamentarias”. Nese sentido, puxo en valor a capacidade de diálogo do Executivo: “Temos experiencia de moitas negociacións”, subliñou.

Consultado polas obras do AVE, Javier Losada garantiu “que este ano se vai a gañar unha hora” nos desprazamentos entre Galicia e Madrid. En 2020 xa coas obras concluídas entrará en servizo a Alta Velocidade, agregou.

Durante a entrevista tamén abordou a negativa do Congreso ás medidas vinculadas ao aluguer expostas polo Goberno. Instou ás forzas políticas que rexeitaron a proposta a que expliquen “por que votaron en contra de favorecer o aluguer e que os mozos queiran emanciparse”, resolveu.